Perú ten desde o pasado sábado o primeiro programa televisivo da historia en lingua asháninka, o idioma nativo máis falado da Amazonía, cuns 50.000 falantes, anunciou o presidente do Instituto Nacional de Radio e Televisión do Perú (IRTP), Hugo Coya.
O programa titúlase “Ashi Añane” (Nosa Voz) e emitirase todos os sábados ás 06.30 hora local (11.30 GMT) pola canle estatal TV Perú, o de maior cobertura do país, cun 91 % de sinal sobre o vasto territorio peruano, no que se falan 47 idiomas distintos.
Ata agora os asháninkas “non tiñan un espazo para estaren informados” no seu propio idioma e o primeiro requisito para poder exercer os dereitos como cidadán debe ser ter acceso á información.
O obxectivo tamén será eliminar o estigma que aínda prevalece no país contra aqueles que falan as linguas nativas.
“O que vivimos durante moito tempo é que falar unha lingua orixinaria era motivo de discriminación e menosprezo. Iso provocou un divorcio moi grande entre os que falamos español e os demais”, indicou Hugo Coya, presidente do Instituto Nacional de Radio e Televisión do Perú (IRTP).