Chéganos desde a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística a seguinte e moi interesante reflexión verbo do que está a acontecer coas linguas no ensino en Galicia, tamén no noso instituto:
QUE PLURILINGÜISMO QUEREMOS?
Unha imaxe: a de tres irmás que a pesar do seu peso reciben exactamente a mesma ración de comida diaria. Unha delas, a única filla biolóxica, está moi delgada, débil e non serve para traballar porque non ten forza; outra, medio-irmá, está bastante máis vigorosa pero é útil unicamente para a realización de certos traballos; a última, filla adoptada, é grande, forte e goza dunha férrea saúde polo que é a requirida para os traballos importantes. Se os seus pais dan a todas a mesma ración de comida, que ocorrerá? NADA. Velaí o problema. Co tempo, todos verán a filla máis débil como un estorbo que non serve para nada e pode ata que a deixen morrer. Paradoxal, que dúbida cabe!, sendo ela a única filla de dereito.
Pois ben, así actuaron os nosos políticos, decidiron alimentar unicamente ás fortes e denominárono “plurilingüismo”. Do mesmo xeito que no caso anterior, a filla máis débil está destinada a morrer pero, neste caso, decidiuse asestarlle o golpe definitivo defendendo que supón un risco para a súa medio-irmá que, sen dúbida, se puidese consumir a comida da desaparecida sería moito máis forte. Namentres, a filla adoptada, aproveitando esta absurda discusión, come a ración das súas irmás deixándoas moribundas. A máis débil, á que só quedan migallas, pode que non dure moito. A súa medio-irmá é posible que sobreviva pero a súa saúde resentirase. Ao final, de tres irmás só unha servirá para algo. Non sería mellor repartir a comida en función do estado de saúde de cada unha delas e lograr así, tres fillas fortes e útiles para realización de calquera traballo?
Que temos agora?
- Centros plurilingües que botaron a andar sen atender ao contexto sociolingüístico no que se encontran e sen planificación adecuada.
- Alumnado que non adquire as competencias básicas nin as competencias lingüísticas propostas polo Marco Europeo Común de Referencia.
- Alumnado que non lle saca rendibilidade á súa condición de bilingüe nativo.
- Alumnado que accede a unha lingua estranxeira cando aínda non ten asentada a súa lingua inicial, nin a outra lingua da comunidade.
- Profesorado sen formación suficiente (a titulación B2 ou a especialización de inglés de CCs de educación non abonda).
Prexuízos graves desta situación:
- Peor formación xeral do alumnado e aumento do fracaso escolar. O alumnado bo segue as clases pero non entenderá moitos conceptos e o alumando menos bo nin segue as clases nin percibe os conceptos.
- Discriminación da maioría do profesorado que non pode participar no concurso de traslados paralelo que privilexia a quen participa neste programa.
Que queremos?
- Plurilingüismo, pero inclusivo e con equidade.
Como se consegue?
- Co Tratamento Integrado de Linguas (TIL).
O TIL non é:
- un reparto de linguas por materias.
- aprender só inglés e castelán.
- memorizar palabras e deixar de aprender contidos.
O TIL é:
Aprender realmente moitas linguas pero partindo das dúas existentes na comunidade. Non se pode abandonar unha delas para aprender outra de fóra.
- Partir dun enfoque comunicativo (ten que ter sentido o uso da lingua. O alumnado aprende linguas para usalas).
- Explotar as estratexias de transferencia de linguas: conseguir desde a lingua propia saber como se xestionan as outras.
- Facer unha planificación conxunta para traballar as linguas de forma relacionada.
- Adquirir competencia plurilingüe e intercultural, cunha gradación do dominio das diferentes linguas.
- Conseguir acordos e complicidades entre o profesorado e as familias.
Cada lingua que aprendemos non pasa a ocupar un oco no noso cerebro, senón que temos unha competencia subxacente común desde a que somos capaces de xestionar as linguas que aprendemos [J. Cummins]
Se queres + información: