Quen non se ten parado no baixo do instituto diante das fotografías aéreas da nosa contorna? Quen máis quen menos ten botado un pouco a furgar nas súas habilidades orientativas e acabou achando a súa casa, a do veciño, o campo de fútbol…
Isto, que en por si xa é atractivo abondo, non é todo o que se pretendía pendurando os cartaces nese lugar. Se te molestaches en ler os tres papeis que suxeitados con tacholas se coaban entre as fotos, a bo seguro sabes de que estou a falar. As imaxes non eran máis ca o escenario, o espazo do traballo que agora estamos a desenvolver. Se hoxe lle botas unha ollada quizais descubras que ao lado da túa casa hai unha etiqueta pegada cun nome propio, o nome dese lugar ou dito con palabras máis técnicas, o seu topónimo.
Estes días moitos compañeiros estiveron colando nos paneis os topónimos que recolleran tempo atrás. A actividade axúdanos a coñecer nomes que están aí depositados, na memoria sobre todo dos maiores, dos que temos agora noticia por vez primeira… despois de seren empregados durante séculos!
Se queres saber algo máis sobre eles, que significan aqueles máis “raros”, quen “bautizou” as terras, de onde proceden ou calquera outro aspecto, vai pensando as preguntas, porque en breve teremos a visita dun experto en toponimia que chas poderá aclarar. Mesmo de topónimos que non foron recollidos nin pegados nas fotos. Só tes que estar pendente desta páxina.