Unha árbore polas Letras

Coma todos os maios, polo 17, día arriba ou abaixo, temos unha celebración especial no instituto. Homenaxeamos a un persoeiro que se significou pola loita e defensa do noso idioma, da nosa cultura ou do noso país, en xeral. Precisamente, deses homes e mulleres que imaxinaron unha Galicia moderna,     este ano rescatamos da historia do noso pobo a Valentín Paz Andrade, home polifacético onde os houber: avogado, empresario, xornalista, político, ensaísta, poeta… Un home en fin, comprometido coa Terra en todos os sentidos.

Na celebración deste ano, o Departamento de Lingua Galega e o de Actividades traballaron arreo. Primeiro, alumnos de todos os niveis do instituto leron e/ou recitaron de cor textos de Paz Andrade ou doutros poetas significados da nosa literatura. Ao remate, algúns profesores, a conserxe Dominique e o secretario Xosé tamén se animaron a recitarnos algúns poemas escolmados da nosa literatura clásica e actual.

Ao remate, iniciamos unha tradición que agardamos manter nos vindeiros anos: plantamos entre todos unha sobreira, unha árbore autóctona que pretende ser símbolo da nosa lingua, que coidaremos entre todos e que veremos medrar por moito tempo no noso instituto, ese anaquiño de terra simbólico tamén do noso país.

This slideshow requires JavaScript.

Manifesto do Día das Letras

Na páxina da CDELG  de Vigo e bisbarra achamos o texto do manifesto Queremos Galego para o 17 de maio, da autoría de Agustín Fernández Paz:

 
VOARES DE ESPERANZA
Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza!  A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.
Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.
Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.
            Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.
Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposición, liberdade, bilingüe,normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.
Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.
Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un “nicho ecolóxico” favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.
Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.
Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»
Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.

Teatro, O achado do castro

Os mozos e mozas do grupo de teatro do IES Valadares, baixo a dirección de Beni, levaron a cabo esta adaptación da obra O achado do castro, de Núñez Singala, que agora podes disfrutar aquí (preme na esquina inferior dereita para agrandar a pantalla):

Viaxe á Cidade da Luz

 O día 8 de abril os alumnos e alumnas de cuarto curso do IES Valadares  comezamos a nosa excursión de fin de curso a París. Tivemos que estar ás catro da mañá no instituto, para despois ir ao aeroporto de Oporto e coller alí o avión que nos levaría a París.

Algúns estabamos un pouco nerviosos por viaxar en avión, pero pronto nos calmamos  e case sen darnos conta  estabamos xa en París. Cando chegamos, o primeiro que fixemos foi dar un pequeno paseo pola cidade, e pola tarde, trasladámonos ao barrio de Montmartre, onde vimos moitos pintores de retratos e moitas tendas de souvenirs, músicos, e incluso un rapaz que facía maravillas cun balón de fútbol. Ese mesmo día tamén visitamos a basílica do Sacre Coeur , que nos pareceu moi orixinal. Logo disto, marchamos para o hotel, con moitas ganas de ver como ían ser as habitacións, e  deixar as nosas maletas. Ao día seguinte visitamos os Campos Elíseos, nos que había moitísimas tendas de luxo como: Dior, Channel, Swarovsqui etc. Ese mesmo día vimos tamén o Arco do Triunfo, que nos pareceu impresionante. Visitamos tamén, como non, a Torre Eiffiel. Puidemos subir ata arriba de todo,  onde disfrutamos dunhas  vistas increíbles da cidade. Quizais esa fora a parte máis bonita da excursión. Despois de xantar, fomos  ao Museo do Louvre, que percorrimos rápidamente porque dispoñíamos de moi pouco tempo para visitalo. Atopamos a Mona Lisa, pero moitos non puidemos achegarnos porque había un montón de estranxeiros ó seu redor fotografiándoa. Despois, voltamos para o hotel.

O martes, dedicamos o día enteiro a visitar o parque de atraccións Asterix, e a pesares da chuvia, aproveitamos moitísimo o día. Subimos en tódalas atraccións que nos deu tempo, e vimos tamén un espectáculo de delfíns, e outro de acrobacias. O día seguinte adicámolo a pasear por París e ver tendas onde facer as compras que nos quedaban. Pola mañá visitamos uns grandes almacéns chamados Galeries Lafayette do século dezanove, que aínda seguen funcionando e  teñen unha cúpula preciosa no teito. Vimos tamén a Ópera de París, e a igrexa da Madalena, que semellaba o panteón romano. Pola tarde fomos a ver uns rañaceos entre os que estaba a Tour Montparnasse. O día seguinte foi o derradeiro que pasamos en París; visitamos a catedral de Notre Dame, o barrio latino, e pasamos polo museo de arte contemporáneo, pero non chegamos a entrar. Tamén puidemos e acceder a parte de abaixo da catedral, que tiña moitísimas vidrieiras. Esa noite, fomos en “Bateau Mouche” polo río Sena, pasando por todas as pontes que atravesan o río, e prestando atención a tódolos maravillosos edificios que nos rodeaban. Ó final do percorrido, puidemos ver a Torre Eiffiel iluminada, que nos emocionou a todos.

O venres partimos xa cara Burdeos, e polo camiño visitamos o Castelo do Loira, onde paramos a comer. No Castelo, observamos unha exhibición que consistía en que polas ventas do mesmo, saían as cabezas de seis dragóns. Logo disto, montamos no autobús e fomos en dirección a Burdeos. Chegamos ao hotel ás oito e media máis ou menos e enseguida nos distribuímos as habitacións. Gustáronnos moito, eran moi grandes e tiñan de todo, o malo era que só pasaríamos alí unha noite, que aproveitamos ao máximo. Ese último día ceamos todos xuntos no hotel, e despois os profes leváronnos a unha sala onde nos deron unha sorpresa.

Agasalláronnos con camisetas iguais para tódolos alumnos e por se non fose pouco déronnos tamén unha postal con dedicatorias escritas polos profes, que nos emocionaron moito. Ademáis, había varias postais que formaban un debuxo completo entre varios amigos, no meu caso, eramos sete amigas e todas as postais xuntas formaban unha Torre Eiffiel. Cando acabou toda a entrega de agasallos, marchamos para as nosas habitacións, con moi poucas ganas de abandonar Francia.

O día seguinte pasamos moito tempo no autobús, pero como parabamos cada dúas horas, non se nos fixo tan longo. No autobús, cantamos moitísimas cancións e tamén vimos a película de Noite no Museo, que foi bastante entretida. Chegamos a Vigo ás nove e media, onde nos esperaban as nosas familias que xa estaban desexando vernos. Estabamos un pouco tristes porque a nosa desexada viaxe xa rematara, pero moi contentos de ter disfrutado desta experiencia e agradecidos aos profes que nos acompañaron.

This slideshow requires JavaScript.

Noa García Garrido, 4º B

Valentín Paz Andrade

Os rapaces e rapazas do CPI Os Dices elaboraron unha fermosa maneira de cachegármonos á figura do home ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Eis o vídeo:

En defensa do Galiñeiro. Manifesto

O movemento social “Pola protección da Serra do Galiñeiro” vén de facer público un manifesto de defensa contra as agresións medioambientais que desde o ámbito do poder político-económico deste país están a perpetrar. Preme aquí para ler o documento.

Este plurilingüismo serve de algo?

Chéganos desde a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística a seguinte e moi interesante reflexión verbo do que está a acontecer coas linguas no ensino en Galicia, tamén no noso instituto:

QUE PLURILINGÜISMO QUEREMOS?

Unha imaxe: a de tres irmás que a pesar do seu peso reciben exactamente a mesma ración de comida diaria. Unha delas, a única filla biolóxica, está moi delgada, débil e non serve para traballar porque non ten forza; outra, medio-irmá, está bastante máis vigorosa pero é útil unicamente para a realización de certos traballos; a última, filla adoptada, é grande, forte e goza dunha férrea saúde polo que é a requirida para os traballos importantes. Se os seus pais dan a todas a mesma ración de comida, que ocorrerá? NADA. Velaí o problema. Co tempo, todos verán a filla máis débil como un estorbo que non serve para nada e pode ata que a deixen morrer. Paradoxal, que dúbida cabe!, sendo ela a única filla de dereito.

Pois ben, así actuaron os nosos políticos, decidiron alimentar unicamente ás fortes e denominárono “plurilingüismo”. Do mesmo xeito que no caso anterior, a filla máis débil está destinada a morrer pero, neste caso, decidiuse asestarlle o golpe definitivo defendendo que supón un risco para a súa medio-irmá que, sen dúbida, se puidese consumir a comida da desaparecida sería moito máis forte. Namentres, a filla adoptada, aproveitando esta absurda discusión, come a ración das súas irmás deixándoas moribundas. A máis débil, á que só quedan migallas, pode que non dure moito. A súa medio-irmá é posible que sobreviva pero a súa saúde resentirase. Ao final, de tres irmás só unha servirá para algo. Non sería mellor repartir a comida en función do estado de saúde de cada unha delas e lograr así, tres fillas fortes e útiles para realización de calquera traballo?

Que temos agora?

  • Centros plurilingües que botaron a andar sen atender ao contexto sociolingüístico no que se encontran e sen planificación adecuada.
  • Alumnado que non adquire as competencias básicas nin as competencias lingüísticas propostas polo Marco Europeo Común de Referencia.
  • Alumnado que non lle saca rendibilidade á súa condición de bilingüe nativo.
  • Alumnado que accede a unha lingua estranxeira cando aínda non ten asentada a súa lingua inicial, nin a outra lingua da comunidade.
  • Profesorado sen formación suficiente (a titulación B2 ou a especialización de inglés de CCs de educación non abonda).

Prexuízos graves desta situación:

  • Peor formación xeral do alumnado e aumento do fracaso escolar. O alumnado bo segue as clases pero non entenderá moitos conceptos e o alumando menos bo nin segue as clases nin percibe os conceptos.
  • Discriminación da maioría do profesorado que non pode participar no concurso de traslados paralelo que privilexia a quen participa neste programa.

Que queremos?

  • Plurilingüismo, pero inclusivo e con equidade.

Como se consegue?

  • Co Tratamento Integrado de Linguas (TIL).

O TIL non é:

  • un reparto de linguas por materias.
  •  aprender só inglés e castelán.
  •  memorizar palabras e deixar de aprender contidos.

O TIL é:

Aprender realmente moitas linguas pero partindo das dúas existentes na comunidade. Non se pode abandonar unha delas para aprender outra de fóra.

  • Partir dun enfoque comunicativo (ten que ter sentido o uso da lingua. O alumnado aprende linguas para usalas).
  • Explotar as estratexias de transferencia de linguas: conseguir desde a lingua propia saber como se xestionan as outras.
  • Facer unha planificación conxunta para traballar as linguas de forma relacionada.
  • Adquirir competencia plurilingüe e intercultural, cunha gradación do dominio das diferentes linguas.
  • Conseguir acordos e complicidades entre o profesorado e as familias.

Cada lingua que aprendemos non pasa a ocupar un oco no noso cerebro, senón que temos unha competencia subxacente común desde a que somos capaces de xestionar as linguas que aprendemos [J. Cummins]

Se queres + información:

www.coordinadoraendl.org/plurilinguismo/index.html

V CERTAME DE MICRORRELATOS DO IES VALADARES

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, o Departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Valadares convocan o V Concurso de microrrelatos en lingua galega que se rexerá polas seguintes

 BASES

 1. Os relatos deberán estar escritos en lingua galega, serán de tema libre, orixinais e inéditos, e terán unha extensión máxima de un folio escrito a ordenador.

2. Forma de participación:

Os textos deberán introducirse nun sobre, no que se fará constar:

a)      A etiqueta “Certame de microrrelatos”

b)     O nivel ao que pertence o alumno (1º, 2º, 3º ou 4º ESO)

c)      O pseudónimo do autor ou autora

Dentro deste sobre, xunto co relato, introducirase outro sobre máis pequeño, pechado, no que se indicarán o nome, apelidos, curso e grupo do participante. Os sobres entregaranse na conserxería do centro.

3.prazo para a presentación dos traballos rematará o venres 11 de maio de 2012.

4. PREMIOS:

Establécense dúas categorías, unha para o alumnado de 1º ciclo (1º e 2º ESO) e outra para o alumnado de 2º ciclo 3º e 4º ESO. Cada unha delas estará dotada con dous premios: ao gañador do primeiro premio  outorgaráselle un vale para a adquisición de material musical (cd ou similar) por valor de 25 € e ao do segundo premio outro por valor de 20 €. Todos os premiados recibirán tamén un libro de microrrelatos en lingua galega.

Os premios poderán declararse desertos.

5. Os relatos premiados serán publicados na revista do EDLG e na súa versión web (abuguina.wordpress.com). A entrega de premios terá lugar no transcurso dos actos de final de curso.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.