Alá polo Samaín, o Equipo da Biblioteca, o Departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización Lingüística do instituto convocaron un certame de microrrelatos de medo.
Pois ben, despois de o xurado deliberar durante máis dun mes e medio (tempo tiveron de pensalo ben), acordouse que o traballo premiado fose este que presentamos a continuación, presentado baixo o pseudónimo de Genoveba, da autoría de V.C.F. de 2º C;
A noite dos mortos
Para cando chegaron xa era tarde. Os policías encontrárona morta, rodeada dun charco de sangue e ao seu carón unha nota…
Era a noite de Halloween, ía tormenta e Kate estaba sentada no peitoril da ventá lendo un libro de misterio. Cada vez que escoitaba un trono pechaba o libro e paraba a respirar.
Kate notaba que alguén a estaba a observar. Por iso decidiu saír do seu cuarto e ir ao patio investigar, pero nel non había ninguén, así que decidiu volver entrar e seguir lendo.
Minutos despois escoitou unha renxedura que viña do corredor seguida duns pasos. Non podía crer o que estaba a ocorrer, así que decidiu pechar a porta por se acaso.
– Poderás esconderte, pero eu voute encontrar, esteas onde esteas – dixo unha voz rouca que viña de detrás da porta.
“Isto non pode estar a pasar”, pensaba Kate, “é imposible, teñen que ser imaxinacións miñas; teño que deixar de ler tantos libros de misterios e crimes”.
– Non, Kate, non é ilusión túa. É a realidade! – seguiu a voz.
A voz acercábase cada vez máis a ela.
– Ahh! – berrou ao ver unha sombra detrás da porta que tiña un coitelo na man e se achegaba a ela cada vez máis.
Para cando chegaron os policías xa era tarde. Encontrárona morta, rodeada dun charco de sangue e ao seu carón unha nota que dicía:
“Non vos preocupedes pola vosa filla. De feito, non vai ser a única desta noite.
Feliz Halloween.”