O Rexurdimento do galego no século XIX non foi só literario. En 1868 saíu do prelo de Soto Freire, o mesmo que publicara cinco anos antes os Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a primeira gramática galega elaborada con criterios científicos, da autoría de Juan Antonio Saco e Arce.
Juan Antonio Saco Arce (Alongos, Toén, 1835 – Ourense, 1881) foi profesor de grego, escritor e gramático e está considerado o pai da lingüística galega por ser o autor da primeira gramática elaborada con criterios científicos: a Gramática gallega de 1868. Catro anos antes da publicación deste texto, Francisco Mirás dera a lume o seu Compendio de gramática gallega-castellana, incompleta e de escasa calidade, polo que a de Saco Arce pode considerarse, sen máis, a primeira gramática galega propiamente dita.
Saco Arce ocupouse tamén de literatura como tradutor de textos latinos, compilador de composicións tradicionais, prologuista ou poeta. As súas creacións foron recollidas en 1878 no volume Poesías de Don Juan Saco y Arce.