Vicente Feijoo Ares –especialista da Comisión de Onomástica-Toponimia da RAG– defende ante a Real Sociedad Geográfica a necesidade de que a UNESCO protexa a toponimia galega, probablemente a máis rica do mundo.
Feijóo Ares enxalza a riqueza da toponimia de Galicia, a cal, di, “representa un tesouro cultural excepcional pola súa densidade, variedade e antigüidade”. De feito, aquí “temos topónimos con máis de 2.000 anos de antigüidade que son o único vestixio das linguas celtas faladas no noso territorio antes da chegada dos romanos”.
No que respecta á toponimia maior –a de entidades de poboación–, no Nomenclátor de Galicia figuran 37.305 entradas, que unidas ás 3.789 parroquias (entidades colectivas) e aos 303 municipios, fan un total de 41.407 topónimos. Destes, 21.169 son formas diferentes, “dato que nos amosa tamén a variedade das denominacións toponímicas e, por extensión, das motivacións que provocaron o seu nacemento, outra das singularidades que fan única nosa toponimia”, destaca Feijoo Ares.
Polo que respecta á microtoponimia –nomes de terras, montes, regatos, praias, rochas, fontes…–, a cifra multiplícase exponencialmente.
Tendo en conta que a superficie do territorio galego é de 29.574 quilómetros cadrados, ao multiplicalos pola media de topónimos identificados, o resultado é de arredor de un millón e medio de topónimos neste momento; cantidade á que os académicos suman outro medio millón de talasónimos (topónimos de mar).
É por isto que a RAG volve insistir en que “unha información cultural desta magnitude debe ser protexida e difundida, porque forma parte dos bens do patrimonio inmaterial dunha comunidade”.
(Vía Galicia Confidencial)