Queiman o noso futuro

No IES Valadares, o martes, xuntámonos cos cativos do CEIP a Sobreira para berrar alto e forte que non queremos máis lumes que maten o noso patrimonio e poñan en risco as nosa supervivencia.

DSC_0171

Para finalizar o acto, e antes dun emotivo minuto de silencio polas vítimas da traxedia, o profesor Ramón Nicolás pronunciou estas fermosas palabras de alento:

                                                             Tras o lume a esperanza

Ao dobrar a conserxería á dereita, fronte por fronte da sala do profesorado, sabedes que hai un gran mapa que recolle a toponimia dos lugares que pisamos e dos territorios máis  próximos a nós, se non estou errado grazas a unha iniciativa do noso compañeiro Xoán Gulías. Eu chámolle o noso mapa de Fontán porque Fontán foi o primeiro científico que aplicou criterios modernos para erixir un mapa de Galicia que foi, e aínda é, un dos nosos símbolos identitarios. Os mapas son importantes porque neles se recollen os espazos polos que transitamos ao longo da nosa vida: lugares que nos marcan como persoas, que nos configuran nalgún aspecto das nosas personalidades, que nos outorgan, como a lingua, unha maneira de estarmos no mundo singular e propia.

            Nese mapa ao que me refiro sitúanse, virtual e fisicamente, as vosas casas e as dos vosos amigos e amigas. Aí están os espazos nos que nacestes, crecedes ou que vos acolleron: camiños, congostras, estradas e corredoiras, territorios polos que pasades todos os días. Deixade que hoxe se sintan os seus nomes porque eles precisan que os nomeemos, e nós tamén oílos: As Barrocas, O Cañizo, O Carregal, O Freixo, A Gándara, A Garrida, A Igrexa, O Portal,  Seoane e A Sobreira; tamén O Alba, Bertoles, A Costa, O Fabás, O Outeiro, O Outide, A Pinguela, O Prado, San Xoán, A Senra e A Simona en Valadares. Sumádelle Cidáns,  A IgrexaMarcosendeVilaverde, Casal de Abade, As Lagoas, A Menda, Paredes e Vilariño, en Zamáns. E non podemos esquecer, claro, Balsa,  Balvís, A BarxaBeiránBudiño, CamposA CarapuchaCarballoAs CarneirasA CarpinteiraO CastroO Cocho de San PedroCoto do MouroA DevesaO FabalFontelaA IgrexaA LagarellaA LameiraLoureiroMaruxentoMina das CarneirasA MóO OuteiroParadaO PazoPereiró, Raxó, A Revolta, RibásRibelasO RoupeiroSabarísSalgueiralSan AmaroSouteliño, SuolvidoAs VeigasA VeiguiñaVilarA Xesteira ou Xuncal… E tamén Navia, e Vincios, e Chaín e Gondomar; e esoutros territorios que son e están de quen vindes doutros lugares  día a día ao noso centro. Ameazados ou non polo lume, fostes solidarios e solidarias na dor dos vosos compañeiros e compañeiras, encolléusevos o corazón, sentístesvos tristes e angustiados e aínda o estaredes hoxe, como todo o voso profesorado, como todo o persoal non docente deste instituto.

            Pois pensade que, tal e como nese noso mapa de Fontán están recollidos moitos destes topónimos, así van seguir nomeándose no futuro, pasase o que pasase antonte. E dígovos isto porque nomear un lugar é posuílo, é estar nel, é ser del, é salvalo do esquecemento e da destrución. E ides seguir pasando por eses lugares, hoxe de aspecto desolador, que vos seguirán a deixar a súa eufonía e o seu significado íntimo; espazos nos que vós ides tamén deixando a vosa propia pegada porque, desde agora, entre outras cousas, aprendestes o importante que é coidar o noso monte, o noso espazo natural. Tardarán, algúns deses lugares hoxe arrasados en volver adoptar a súa fisionomía, mesmo será estupendo que as zonas afectadas se repoboen con especies autóctonas que non sexan daniñas para a terra. Eu invítovos a superar a tristeza do momento, a ser optimistas, a seguir adiante e a pensar que, sempre, o mellor está por vir.

            Todos sabemos que o 15 de outubro foi un día importante nas vosas vidas pois descubristes o poder destrutor do lume contra as vosas vidas, contras as vosas casas, contra vós e os vosos. Pero cómpre sacarlle proveito, cómpre aprender outra lección que nos dá a vida tras un acontecemento así: pasámolo mal pero estamos todos xuntos, estamos todos aquí. Seremos, desde agora, máis respectuosos co noso medio natural, valorarémolo máis, abrigaremos a esperanza de que isto non vai volver ocorrer e que, se ocorre, nunca será pola nosa irresponsabilidade.

            Falo en primeira persoa, pero sei que toda a comunidade educativa está de acordo, finalmente, co que vos vou dicir. Nesta lagoa de tristeza que agora sentimos a vosa actitude solidaria, a dos vosos pais e nais, a dos vosos irmáns e irmás, algúns e algunhas formados neste centro e  que puidemos ver onte en ringleira, carrexando baldes e caldeiros na Avenida Clara Campoamor e en todos os camiños de Valadares foron, son, un sinal de orgullo para nós, unha realidade que nos debe lembrar que vos formamos en coñecementos, pero tamén en actitudes e en valores como son o respecto á natureza e a vós mesmos. A imaxe que conxelou o fotógrafo Delmi Álvarez é un dos símbolos para sempre do que pasou aquí o domingo: plasma un exercicio de solidariedade diante da adversidade, de esforzo e de loita comunal contra o desatino que son os lumes provocados. Por todo iso a nosa gratitude, porque sodes tamén a nosa esperanza. Lumes nunca máis.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: