Coma todos os maios, polo 17, día arriba ou abaixo, temos unha celebración especial no instituto. Homenaxeamos a un persoeiro que se significou pola loita e defensa do noso idioma, da nosa cultura ou do noso país, en xeral. Precisamente, deses homes e mulleres que imaxinaron unha Galicia moderna, este ano rescatamos da historia do noso pobo a Valentín Paz Andrade, home polifacético onde os houber: avogado, empresario, xornalista, político, ensaísta, poeta… Un home en fin, comprometido coa Terra en todos os sentidos.
Na celebración deste ano, o Departamento de Lingua Galega e o de Actividades traballaron arreo. Primeiro, alumnos de todos os niveis do instituto leron e/ou recitaron de cor textos de Paz Andrade ou doutros poetas significados da nosa literatura. Ao remate, algúns profesores, a conserxe Dominique e o secretario Xosé tamén se animaron a recitarnos algúns poemas escolmados da nosa literatura clásica e actual.
Ao remate, iniciamos unha tradición que agardamos manter nos vindeiros anos: plantamos entre todos unha sobreira, unha árbore autóctona que pretende ser símbolo da nosa lingua, que coidaremos entre todos e que veremos medrar por moito tempo no noso instituto, ese anaquiño de terra simbólico tamén do noso país.