O día 8 de abril os alumnos e alumnas de cuarto curso do IES Valadares comezamos a nosa excursión de fin de curso a París. Tivemos que estar ás catro da mañá no instituto, para despois ir ao aeroporto de Oporto e coller alí o avión que nos levaría a París.
Algúns estabamos un pouco nerviosos por viaxar en avión, pero pronto nos calmamos e case sen darnos conta estabamos xa en París. Cando chegamos, o primeiro que fixemos foi dar un pequeno paseo pola cidade, e pola tarde, trasladámonos ao barrio de Montmartre, onde vimos moitos pintores de retratos e moitas tendas de souvenirs, músicos, e incluso un rapaz que facía maravillas cun balón de fútbol. Ese mesmo día tamén visitamos a basílica do Sacre Coeur , que nos pareceu moi orixinal. Logo disto, marchamos para o hotel, con moitas ganas de ver como ían ser as habitacións, e deixar as nosas maletas. Ao día seguinte visitamos os Campos Elíseos, nos que había moitísimas tendas de luxo como: Dior, Channel, Swarovsqui etc. Ese mesmo día vimos tamén o Arco do Triunfo, que nos pareceu impresionante. Visitamos tamén, como non, a Torre Eiffiel. Puidemos subir ata arriba de todo, onde disfrutamos dunhas vistas increíbles da cidade. Quizais esa fora a parte máis bonita da excursión. Despois de xantar, fomos ao Museo do Louvre, que percorrimos rápidamente porque dispoñíamos de moi pouco tempo para visitalo. Atopamos a Mona Lisa, pero moitos non puidemos achegarnos porque había un montón de estranxeiros ó seu redor fotografiándoa. Despois, voltamos para o hotel.
O martes, dedicamos o día enteiro a visitar o parque de atraccións Asterix, e a pesares da chuvia, aproveitamos moitísimo o día. Subimos en tódalas atraccións que nos deu tempo, e vimos tamén un espectáculo de delfíns, e outro de acrobacias. O día seguinte adicámolo a pasear por París e ver tendas onde facer as compras que nos quedaban. Pola mañá visitamos uns grandes almacéns chamados Galeries Lafayette do século dezanove, que aínda seguen funcionando e teñen unha cúpula preciosa no teito. Vimos tamén a Ópera de París, e a igrexa da Madalena, que semellaba o panteón romano. Pola tarde fomos a ver uns rañaceos entre os que estaba a Tour Montparnasse. O día seguinte foi o derradeiro que pasamos en París; visitamos a catedral de Notre Dame, o barrio latino, e pasamos polo museo de arte contemporáneo, pero non chegamos a entrar. Tamén puidemos e acceder a parte de abaixo da catedral, que tiña moitísimas vidrieiras. Esa noite, fomos en “Bateau Mouche” polo río Sena, pasando por todas as pontes que atravesan o río, e prestando atención a tódolos maravillosos edificios que nos rodeaban. Ó final do percorrido, puidemos ver a Torre Eiffiel iluminada, que nos emocionou a todos.
O venres partimos xa cara Burdeos, e polo camiño visitamos o Castelo do Loira, onde paramos a comer. No Castelo, observamos unha exhibición que consistía en que polas ventas do mesmo, saían as cabezas de seis dragóns. Logo disto, montamos no autobús e fomos en dirección a Burdeos. Chegamos ao hotel ás oito e media máis ou menos e enseguida nos distribuímos as habitacións. Gustáronnos moito, eran moi grandes e tiñan de todo, o malo era que só pasaríamos alí unha noite, que aproveitamos ao máximo. Ese último día ceamos todos xuntos no hotel, e despois os profes leváronnos a unha sala onde nos deron unha sorpresa.
Agasalláronnos con camisetas iguais para tódolos alumnos e por se non fose pouco déronnos tamén unha postal con dedicatorias escritas polos profes, que nos emocionaron moito. Ademáis, había varias postais que formaban un debuxo completo entre varios amigos, no meu caso, eramos sete amigas e todas as postais xuntas formaban unha Torre Eiffiel. Cando acabou toda a entrega de agasallos, marchamos para as nosas habitacións, con moi poucas ganas de abandonar Francia.
O día seguinte pasamos moito tempo no autobús, pero como parabamos cada dúas horas, non se nos fixo tan longo. No autobús, cantamos moitísimas cancións e tamén vimos a película de Noite no Museo, que foi bastante entretida. Chegamos a Vigo ás nove e media, onde nos esperaban as nosas familias que xa estaban desexando vernos. Estabamos un pouco tristes porque a nosa desexada viaxe xa rematara, pero moi contentos de ter disfrutado desta experiencia e agradecidos aos profes que nos acompañaron.
Noa García Garrido, 4º B
Posted by Celina on 3 de Maio de 2012 at 12:13 pm
Moi bo resumo, grazas Noa!