O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Valadares organiza un CONCURSO DE SMS DE AMOR con motivo da conmemoración do día de San Valentín, o 14 de febreiro.
Será premiada a mellor mensaxe de amor escrita polos alumnos do centro. Admitiranse mensaxes que traten sobre o amor no seu sentido máis amplo: ao namorado/a, ao amigo, aos irmáns, pais, avós…, aos animais de compaña, á natureza…
A mensaxe non deberá exceder os 250 caracteres (incluíndo os espazos en branco), deberá estar redactada en galego e pode presentarse en prosa ou en verso. Á hora de seren valorados, terase en conta o grao de elaboración e a orixinalidade.
As mensaxes con contidos discriminatorios ou ofensivos serán rexeitadas.
Forma de participación:
Cada participante debe seguir este proceso:
1º. Escribir a man o SMS nun “post-it” e colocalo no taboleiro grande disposto ao efecto no baixo do instituto (Esta será a parte exposta ao público). Non esquezas escribir o teu nome pola parte de atrás.
2º. Paralelamente, debe escribir a mesma mensaxe entrando aquí arriba no apartado “Deixa un comentario” deste mesmo post, coma se fose un comentario ao mesmo (Esta será a parte en base á cal serán valorados os SMS). Tampouco esquezas deixarnos o teu nome.
Prazos de participación:
A data de comezo da actividade será o 23 de xaneiro e o prazo rematará o 17 de febreiro. Lembra que debes ter presentadas as dúas partes.
Premios:
Haberá premios para os tres mellores, que recibirán como agasallo un reprodutor MP4 e unhas chaves de memoria USB, segundo resulten primeiros, segundos ou terceiros.
De non haber calidade abonda, os premios poden declararse desertos.
As mensaxes gañadoras, e só estas, serán publicadas no blogue antes citado.