Os alumnos de 1º ESO fomos o venres 25 de novembro ao VERBUM para participar nunha Biblioteca Vivente que trataba o tema dos prexuízos lingüísticos que existen na nosa sociedade sobre o galego.
Nesta Biblioteca había un total de doce libros vivos dispoñibles nas distintas estanterías do Verbum para que nós como lectores puidesemos consultalos dun xeito interactivo. A lectura de cada libro duraba uns 25 minutos e cada un de nós puido ler tres libros, comentar cousas con eles, facerlles preguntas, etc.
Os libros vivos desta Biblioteca Vivente eran coñecidos/as deportistas, célebres profesionais do audiovisual e da música, das novas tecnoloxías, da arqueoloxía, profesionais do ámbito da xustiza, dende neofalantes de orixe viguesa ata neofalantes nados/as noutros recunchos do planeta.
Aprendemos cousas que ata o de agora nos pasaran desapercibidas nas nosas vidas e coñecemos outras realmente sorprendentes, como que o galego ocupa o posto número 136 entre as linguas do mundo se temos en conta o número de falantes… e fálanse unhas 6000 linguas!!