O xoves 27 de outubro os membros do Club de lectura do instituto fixemos unha saída na que visitamos tres espazos: Edicións Xerais, a bilioteca e Fundación Penzol e Fernández del Riego e a libraría Versus.
Primeiro fomos a Edicións Xerais, que está na rúa Doutor Marañón, 12. Aquí Manuel Bragado,o director, e Celia Torres a directora de prensa e promoción ensináronnos as partes que ten un libro e como se fai. Con isto demostráronnos a organización que hai que ter para que un libro poida ser publicado, xa que ten que pasar polas mans de moitas persoas antes de que poida chegar ás nosas. Tamén nos mostraron uns armarios que estaban cheos de arquivos de cada un dos libros que foran publicados por Xerais, dende o primeiro ata o último. Despois disto explicarónnos moitas cousas sobre como se preparan os libros nuns ordenadores especiais para este traballo. Ao rematar, regaláronnos unha tradución dun libro titulado A chamada da selva.
A continuación, fomos andando ata a Porta do Sol e, mentres, aproveitamos para merendar. Ao chegar alí entramos na biblioteca e a Fundación Penzol. Unha vez alí Marián Vidal púxonos e explicounos un power-point sobre Fermín Penzol. Despois disto vimos como se custodiaban os libros,como é a pinacoteca de Fernández del Riego e o espazo da mesa camilla de Ramón Piñeiro ( todo o que se conserva neste espazo era del). Logo sacámonos unha foto en grupo e marchamos andando ata a rúa Venezuela, pero… chovía bastante e enchoupámonos, aínda que foi moi divertido.
E por último, fomos á libraría Versus onde cada membro do club escolleu un libro, tendo en conta o seu prezo e contido, co que este trimestre faremos unha actividade. Ao termos todas e `todo´ cadanseu libro fomos ata a Praza de España para coller o autobús e volver para o instituto.
En resumo, foi unha actividade moi entretida e interesante.
Laura Morgadanes Pérez 2º A