Comeza o mes do Magosto

O outono déixase ver no instituto. Á exposición de cabazas do Samaín arrímanse as follas caídas, ourizos con castañas, noces… e achégase a festa do Magosto. Queres saber máis?

O MAGOSTO :  FESTA DA VIDA E DA MORTE

O MAGOSTO é  unha festa outonal que está determinada pola caída  das follas, pola morte lenta da vexetación, e tamén pola escuridade estacional.

Celébrase, xeralmente, o día primeiro de novembro, festividade de  Todos Os Santos, aínda que  pode celebrarse calquera outro día, pero sempre dentro da segunda quincena de outubro e primeira de  novembro, especialmente o once de novembro, día  de  San Martiño.

A festa do Magosto é unha práctica popular de carácter ritual que nos achega grande cantidade de mensaxes culturais e imaxes de tipo simbólico.

 Esta festa constitúe un elo na cadea de celebracións anuais correspondente ao ciclo agrícola ás que tan vencellado está o pobo galego ( vendima, sega, malla…).

Na celebración do magosto concorren varios aspectos:

1.- A exaltación dos produtos da  terra e a unidade dos veciños na festa.

2.- A separación de idades

3.- O ritual colectivo

1.-   Exaltación dos produtos da terra e unidade dos veciños na festa.

Réndese tributo especial a un produto que vai unido á historia do noso pobo.

Hai castañas en Galicia dende hai miles de anos.  Antes de sementarse as patacas traídas de América, hai uns douscentos anos, as castañas eran o alimento principal dos galegos e galegas durante o inverno, e eran estes froitos os que servían de acompañamento doutras viandas: carnes, verzas… De feito , ás patacas chámanlles “castañas da terra” en moitos lugares de  Galicia.

Os castiñeiros, orixinarios da Kastania, na península turca de Anatolia, foron introducidos en Galicia polos romanos para aproveitaren a súa madeira e os seus froitos. Eran os castiñeiros moi abundantes en Galicia ata que,  hai uns anos, un fungo, a tinta ou filoxera, fixo desaparecer miles de árbores.  Hoxe en día en Galicia a extensión de castiñeiros é menos da terceira parte do que foi. A esta diminución contribuíu  tamén a talla indiscriminada.

Cando chegaba o outono , os veciños ían aos soutos, vareaban os castiñeiros e metían as castañas en sacos.  Despois de rematar o trafego da recolleita das castañas, coas que ficaban nos soutos e castiñeiras facíase unha festa na que participaban todos os veciños. É, polo tanto, o magosto, a expresión do comunitarismo agrario. É unha reunión de carácter festivo que resalta o senso de unidade entre todos os que participan nel.  Na celebración do magosto reafírmase a unidade do pobo, do instituto ou do barrio que o celebra.  Tal é así, que se algunha persoa non se suma aos demais á hora de celebrar o magosto sen causa xustificada, el mesmo se automarxina con respecto aos demais.

 2.-    A   separación de idades.

Diferenciamos  o magosto  de nenos e nenas do magosto  da mocidade.  No de nenos e nenas o elemento máis importante é a castaña, no da mocidade hai outro elemento indispensable: o viño.

É unha aspiración  de todo neno ou nena pasar a formar parte do magosto dos maiores, onde a castaña é só un pretexto porque existen outros intereses de tipo sexual que transcenden ao simple feito de reunirse en torno ao lume.

3.-    Ritual colectivo.

As castañas e o viño simbolizan a alegría, e as castañas que rebentan no lume simbolizan a morte.  Constitúe esta festa un banquete   funerario, por iso  os magostos se fixeron antigamente nos adros das igrexas no día de Todos os Santos co  fin de facer participar os mortos dunha maneira simbólica  nesta festa de carácter agrario,  unha festa que  aproxima o ser humano á terra.

A festa da castaña tivo sempre connotacións funerarias.  En Galicia, Asturias e Santander o magosto naceu como conmemoración  e recordo dos mortos; e nalgúns pobos existiu a crenza de que por cada castaña comida se redimía unha ánima do purgatorio. Esta mesma tradición mantíñana as nenas e nenos da localidade lucense de Viveiro aínda non hai moitos anos. Visitaban  o cemiterio  cuns rosarios feitos con castañas cocidas regadas de anís, cada un serviría para liberar  unha ánima en pena.

A castaña e o viño eran, respectivamente, símbolos da morte e da vida, que son á súa vez a tristeza e a esperanza da humanidade.

En definitiva, a castaña  é un símbolo de xermolo de futuro.  Levar unha castaña é levar un souto no peto.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: