O encontro ás portas do IES Aquis Querquernis deu comezo a unha nova xornada de convivio entre os alumnos deste instituto e os do IES Valadares. Tras amosar o centro aos visitantes, dirixímonos todos ao campamento romano que dá nome ao instituto, situado á beira do río Limia, e en boa parte asolagado polas augas do encoro das Cunchas. Logo de aprendermos algo máis sobre o pasado remoto que nos é común aos galegos, dirixímonos á capela de Santa Comba de Bande, unha xoia da arte visigótica na península ibérica.
Dende alí fomos ao lugar onde xantamos, un parque á beira do encoro antes nomeado, cunhas fermosas vistas de toda a ribeira e, enfronte, o campamento de Aquis Querquernis.
Tras o xantar dirixímonos ao último punto da visita: a localidade de Rio Caldo, lugar con augas termais onde nos poderiamos dar un cálido ou refrescante baño, ao gusto do consumidor. Mais o realmente interesante for0n unhas pozas ás que fomos dar logo dunha pequena camiñata por unha verea practicamente cha. Alí disfrutamos da frescura e pureza das augas que caían en fervenza dende máis de cincuenta metros, formando pequenos cadoiros en varias alturas ata formar as pozas. Puidemos somerxernos, practicar o salto de altura, tomar o sol… cos únicos testemuños naturais da vexetación e unhas poucas ras asombradas que fuxiron perante tanto barullo.
Podemos dicir que, aínda que o programa de intercambio deste curso quedou concluído nesta xornada, quedamos vezados para o próximo ano realizar unha xornada, aínda que só unha sexa, de convivencia entre os mozos dos dous institutos. Que as amizades xurdidas perduren moitos anos!