O 12 de maio baixamos a Vigo para participar no paso do Correlingua pola nosa cidade. Este ano fomos os alumnos de 1º ESO e a experiencia foi moi boa, a pesar da calor que pasamos (28 graos ao mediodía no mes de maio!!). Primeiro fixemos un bo percorrido, o de sempre, dende a Praza do Rei ata o Parque de Castrelos. Cando chegamos alí puidemos descansar á sombra e repór forzas cos bocatas que levamos e un pouco de froita coa que nos agasallaron. Mentres, no escenario que había alí montado, había xogos de animación e por último actuou a banda de rock galega Zënzar.
No acto tamén se leu o Manifesto da edición deste ano (preme AQUÍ para lelo), creado polo alumnado de 2º ESO do IES Agra de Leborís (A Laracha), uns mozos do IES Pedro Floriani de Redondela que gañaran o Galeoke deleitáronnos coa súa versión da coñecida canción “Fai un sol de carallo” (e vaia se o facía) do grupo vigués dos 80 Os Resentidos…
Cando chegamos ao instituto xa era hora de coller o bus para a casa.