Biblioteca Vivente “Tesouros Vivos”

(Inclúe fotografías e texto de Alba Bernal)

Unha Biblioteca Vivente é unha biblioteca na que os libros son persoas; persoas con historias singulares, coñecementos e experiencias sobranceiras en determinados campos, que queren transmitirlles ás xeracións máis novas os seus saberes e vivencias.

Unha “Biblioteca Vivente” funciona como una biblioteca normal, coa diferenza de que os libros son persoas coas que poderiamos cruzarnos pola rúa un día calquera e os lectores somos en realidade oíntes do que contan.

Libros da Biblioteca Vivente ‘Os Tesouros Vivos’:

O nome desta Biblioteca Vivente, “Tesouros Vivos”, débese porque está dedicada a aquelas persoas ou grupos que son portadores do patrimonio inmaterial dun pobo; é dicir, aos portadores das tradicións orais, e polo tanto, a individuos dunha importancia vital para a transmisión xeracional dese coñecemento invisible. Os libros que se nos ofrecen para “lermos” son:

– Mariano: mariñeiro de baixura, artesán de Bouzas. Construiu coas súas propias mans os faluchos e aparellos cos que traballou toda a súa vida. O que máis desexa é que a mocidade continúe co oficio e aprenda a amar o mar co respecto que se merece.

– Telmo Comesaña: fillo de paseado. Dende que foi consciente que mataron o seu pai sendo el un cativo, o seu obxectivo na vida é reivindicar o nome dos asasinados de Alcabre e recuperar a súa memoria.

– Antonio Monroy: fillo de paseado.Contaranos como viviu a súa infancia alleo a aquel acontecemento pero sumido na máis tremenda miseria propia da posguerra, e tristeza, froito das continuas bágoas e silencio da súa nai. Aos vinte anos marchou traballar a Brasil xunto co seu irmán: alí foi cando seu irmán lle contou a verdade sobre a morte do seu pai.

– Delio: da Asociación de Monte Comunal e Veciñal de Valadares. Contaranos como é a vida nas parroquias rurais de Vigo, a dependencia que a cidade tiña cos recursos que lle achegaba o rural, a relación co marquesado de  aladares…

– Margarita e Maruja: dúas curmás que viviron o episodio golpista e a  posguerra no seo dunha familia de esquerdas. Exilios, claves secretas, estadías en campos de concentración, agochadoiros… contarannos todo o que a súa familia se viu obrigada a facer para salvar a vida.

– Loli: a súa familia rexentou a taberna chamada ‘A lechería’ durante varias xeracións. Falaranos de como foi mudando a sociedade viguesa dende a posguerra, cando ela era só unha nena e a taberna estaba aberta 24 horas ao día para atender aos mariñeiros, ata os oitenta coa Movida. Tamén nos falará da recuperación de tradicións viguesas como os Maios ou o Entroido dos Merdeiros.

– Gustavo Luca: xornalista, escritor e tradutor.

– Pepe Cachas: activista cultural e sindical. É un namorado de Vigo e coñecedor máximo da súa historia, da súa arquitectura, das súas tradicións, das súas xentes… Contaranos da súa etapa na emigración holandesa como dinamizador da cultura e da comunidade galega no exterior, e como opositor firme da Ditadura Franquista.

– Antonio Suárez: cesteiro. Provén dunha longa estirpe de cesteiros chegados de Portugal. Ilustraranos sobre o exercicio do seu oficio, de como foi mudando a profesión ao longo dos anos e de como o traballo artesán foi indo a menos coa chegada do plástico.

– Manolo Solla: gaiteiro e sindicalista. Mestre gaiteiro que, dende que mercou a súa primeira gaita aforrando da pequena paga que lle daban no seu primeiro traballo aos quince anos, percorreu as festas todas de Vigo e arredores. O relato das súas experiencias como sindicalista nos anos da ditadura dará boa conta de como foron transformándose ata os nosos días as condicións laborais, grazas ao compromiso de persoas como el.

– Manolo o Largho: mariñeiro de altura que traballou no Gran Sol e nas duras condicións das mareas de Terranova dende os dez anos de idade. Transmitiranos centos de aventuras, coñecementos de navegación, un amor e un respecto inmenso polo mar, como era a vida no barco tan lonxe dos seres queridos durante sete meses ao ano, nas condicións de perigo constante e coa certeza de que o único apoio a bordo era a tripulación considerada como unha familia.

– Lola: peixeira e muller de mariñeiro. Contaranos como foi a súa vida, muller que tiña que tirar soa dunha familia enteira, coa soidade, a paciencia e a fortaleza como bandeira.

Aquí tedes unhas fotos  da experiencia dos nosos compañeiros:

O pase de diapositivas require JavaScript.

E aquí a actividade  contada por Alba Bernal Garrido, de 3º B, tal e como a viviu:

 

Biblioteca Vivente: Os tesouros vivos

O pasado 17 de febreiro, o alumnado de 3º da ESO, participamos nunha actividade educativa que tivo lugar na Casa das Palabras, o Verbum. Esta actividade era “Os tesouros vivos” da Biblioteca Vivente.

A Biblioteca Vivente é un proxecto educativo e cultural que pretende achegar coñecementos ás persoas dun xeito ameno, directo e participativo. Os estudantes tivemos a posibilidade de dialogar con “libros vivos”, os Tesouros vivos dentro dun espazo preparado para tal fin.

Nesta Biblioteca Vivente os libros son persoas que contan a súa experiencia vital a través do diálogo cos lectores. Os narradores eran persoas da terceira idade que a pesar de non ser personaxes famosos nin ilustres escritores, tiñan algo moi interesante que contar. Foi un privilexio poder escoitar e coñecer algunha das experiencias mais vitais das súas vidas.

A Biblioteca estaba formada por once libros vivos, pero cada un  de nós tivo a oportunidade de participar en tres deses once contos narrados no proxecto. En pequenos grupos moviámonos polo espazo pasando dun libro a outro e escoitando as historias que cada un destes libros vivos ían  contarnos desde a súa experiencia de vida.

As historias nas que eu participei estaban inspiradas no mar e foron: Homes de ferro, Cestos a peseta e Na gamela co asasino.

En Homes de ferro, agardábanos un home cheo de entusiasmo que transmitía todos os seus sentimentos a través da súa mirada, e que foi moi significativa durante toda a historia. Contounos que el fora mariñeiro, e que a pesar de ser un traballo bonito para quen estea namorado do mar coma el, é, ao mesmo tempo, tan duro ou máis que os outros oficios. O maior inconveniente é separarse tanto da súa familia, é moi triste chegar á túa casa ó cabo de moito tempo e ter que facerte coa confianza dun dos teus fillos dende o principio por non ter convivido con el.

O libro vivo de Cestos a peseta, contaba a historia da xente que vendía as súas pertenzas para vivir. Reuníanse nunha praza cos seus cestos, elaborados por eles mesmos, cheos de comida ou roupa e intercambiábanse as diferentes cousas co fin de obter diñeiro. Tiñan moitos tipos de cestos ou distintos obxectos orixinais fabricados a man, todos feitos para conseguir o seu debido beneficio.

Na Gamela do asasino, había outro home disposto a falarnos da súa historia. Trataba sobre as inxustizas tan comúns que había naquela época da Guerra Civil e da Ditadura que el lembraba. Contounos a experiencia vivida de como o seu pai foi asasinado, inesperadamente, por alguén que finalmente era un dos seus compañeiros de pesca. A historia centraba a atención na ignorancia, os prexuízos e os estereotipos propios dunha época difícil da nosa propia historia.

A lectura dos “Tesouros vivos” demostra que todos somos lectores pero que tamén todos podemos ser libros. Libros que fan vivenciar as experiencias persoais a quen os escoitan e así transmiten o coñecemento dunha forma directa e amena. Foi unha experiencia de aprendizaxe moi positiva e emotiva.

 

 Alba Bernal Garrido  3º B
Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: