VISITA AO MUSEO ANFACO POR ALUMNOS DO PCPI
O día 1 de febreiro fixemos unha visita ao “Museo Anfaco”, dentro do programa “Vigo por dentro”. O museo está situado na estrada do Colexio Universitario, moi preto do noso centro educativo. Nel ensináronnos o pequeno museo, un prototipo de fábrica (onde fan as probas de I+D+i), así como os métodos de conservación dos alimentos (frío, deshidratación, envasado ao baleiro, esterilización coa calor, pasteurización…).
Logo aprendemos un pouco de historia sobre a lata de conserva, as máquinas antigas e a súa propia historia, e que Anfaco –Cecopesca significa Asociación de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos.
Alí aprendemos tamén que a conserva inventouse no século XIX, grazas a Napoleón Bonaparte e as súas tropas. O xeneral francés precisaba dun método para transportar os alimentos nas súas campañas militares e que se mantivesen en bo estado co paso do tempo. Convocou un concurso público, no que o pasteleiro Nicolás Appert inventou un sistema no que gardaba en frascos de cristal os alimentos e os fervía para esterilizalos… Ben!! Inventara a CONSERVA.
As primeiras latas eran de cristal; no 1810 inventouse a conserva en lata, mais só podían abrirse cun martelo, a tiros ou cunha baioneta; no 1820 eran con aceite e de folla de lata fervidas nunha ola a presión e no 1866 J. Osterhoudt inventou unha lata con chave. Logo chegarían os abrelatas, primeiro os manuais e logo os eléctricos.
Tamén nos lembraron que Galicia era e é un dos lugares do mundo onde máis importancia teñen a pesca e as fábricas de conserva; o motivo é a abundancia de sardiña nas súas costas e pola súa boa situación estratéxica.
O traballo das fábricas era desenvolvido fundamentalmente por mulleres, aínda que os encargados eran homes. Moitas das nosas avoas e bisavoas seguro que traballaron nalgunha das famosas fábricas de Albo, Alfageme, Massó ou Alonarti (empresa do 1921 que fabricaba maquinaria para as conserveiras, famosa por ser a primeira en ter unha gardería, para os fillos das súas empregadas, e un economato).
Resultou unha visita entretida. Agasalláronnos cun novo produto no mercado das conservas, as albóndegas de bonito, que no caso do noso compañeiro Aarón xa non chegaron a seren quentadas no microondas, como dicían as instrucións.
Lucía Abalde, Lorena Carreira e alumnos do PCPI.