Bicis pola paz. Entrevista.


ANXO MOURE, o contacontos chantadino da ONG Bicis pola Paz estivo no noso instituto compartindo a súa imaxinación cos alumnos de 4º e 3º de ESO.

Andrea  contactou con Anxo exclusivamente para a Revista.


Andrea:

Boas Anxo! O de hoxe foi algo incrible, sentir que o meu sorriso non desaparecía do meu rostro nin un só segundo foi magnífico. Fixeime nos teus ollos, e mirei como brillaban cada vez que vías as nosas caras de felicidade.

Eu, entre outr@s partipei en dous contos. Gustaríame que me deses o teu punto de vista.

Anxo Moure: Ola Andrea, perdoa, non son un anxo, simplemente son Anxo. Primeiro simplemente grazas, mil grazas polas túas fermosas palabras que é o mellor pagamento que calquera atrapador de contos pode recibir. Cada unha das túas verbas transfórmanse hoxe nas gotas de chuvia que cae con forza esta mañá para facerme sentir que merece a pena seguir pedaleando, mollándose, soñando, loitando.., para chegar a centros escolares habitados por alumnas coma ti que sodes un verdadeiro regalo para a esperanza deste mundo, para os que cremos que a tenrura aínda pode, debe e é preciso, irrenunciable que exista en cada unha das vosas miradas.


En fin, que podedes contar conmigo para o que precisedes, pregunta todo o que queiras e no que eu te poida axudar,  pois xa sabes o que vos dixen, tendes aquí, en Chantada, un atrapador de historias que segue abrazando as árbores.

Andrea: Anxo, como se che deu por contar contos?

Anxo: Que boa pregunta. Cando era pequeno, e adolescente, era un marxinado. Na clase era un neno á parte, nunca me tiveron en conta. E ser atrapacontos foi a miña maneira de saír, de disfrutar e relacionarme coa xente.

Andrea: Anxo!Vouche facer algunhas preguntas para que me contestes, e así poder pór isto na revista da escola. Que sentes cando falas para os cativos?

Anxo: Cando falo para os cativos sinto como se entrase dentro dos seus ollos e empezase a crear mundos imaxinarios,  e entón penso que no seu corazón xorden árbores, nacen bosques, fervenzas, ríos e regatos, aparecen mares e desertos.., e penso que, cando menos, ao longo duns minutos eles empezan a voar, saen da escola e viven realmente nesoutros mundos e por un tempo comparten espazo e esperanza con outras nenas e nenos, mozas e mozos coma eles dende Uganda ata Nicaragua, de Bangladesh a Bolivia. Mundos onde non existe a palabra guerra, racismo, violencia, odio, destrución….

Andrea: Que foi o que vos volcou para facer a ONG?

Anxo: Bicis pola Paz naceu da paixón dun grupo de mozas e mozos pola bicicleta e ao mesmo tempo do seu compromiso coa imaxinación, todo ben regado cunhas doses de humor, ganas de cambiar o mundo e profunda dor diante da inxustiza e da desfeita ecolóxica que vive o noso planeta. Pensamos que a bicicleta podería ser unha boa ferramenta para poñerlle rodas á solidariedade e naceu ese fermoso proxecto que en 20 anos leva entregadas máis de 1.300 bicicletas a mestres, médicos.., en máis de 23 paises de América Latina, Asia e África

Andrea: -A bici que é o que che aporta?

Anxo: A bicicleta apórtame unha palabra máxica !Liberdade! poder moverme polo mundo sen depender de ninguén e sen contaminar a ninguén. A bicicleta descubriume paraísos na terra, nun país chamado Galiza, inzado de bosques máxicos, de fervenzas incribles, de montañas grandiosas. Pero, sobre todo, a bicicleta aportoume humildade, non ser nada, aprender a soportar a soidade e superar as dificultades. E a bicicleta aportoume, pois, compromiso para gardar, protexer e divulgar todo o que a bicicleta que me deu a coñecer.

Andrea: – IES Valadares, que che pareceu?

Anxo: O IES de Valadares podes ter seguro que ficará na miña memoria para sempre. Despois de 20 anos de atrapacontos e máis de 5.600 sesións un sempre se pode asombrar de experiencias como a de coller na madrugada en Cangas un barco a Vigo, cruzar na noite o mar coas luces acesas dos barcos da ría. Empezar a pedalear entre buses, coches, sentíndome o rei das rúas cunha mini-bicicleta, sen medo, con dignidade, pensando e dicindo que outra cidade é posible. Subir a Valadares foi simplemente marabilloso, sentir un Vigo diferente de aldeas, árbores, camiños, casas. Abrir o paraugas no medio do camiño para soportar unha fermosa treboada, empaparse e sentirme vivo. Pero, sen dúbida, o máis fermoso foi poder sentir as vosas miradas, viaxar a través dos vosos ollos e pedalear camiño ó corazón para descubrir que dentro de cada un de vós habita moita, moitísima esperanza que algún día xurdirá con forma de rebeldía e tamén lle dará esperanza a este vello planeta e ós seres que o habitan. (A baixada foi preciosa e chegando a Praza América pinchoume a bicicleta, así que tiven que camiñar con ela ata o barco).

Miles de grazas, Andrea. As túas palabras son un regalo para calquera contacontos, e máis para un atrapacontos. Ogallá todo o fermoso que soñes na vida se faga realidade.
Ánimo Andrea!


Andrea Oitavén - 4º B
Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: