Era un venres pola mañá e iamos de excursión a Pontevedra para ver o Museo. Unha parte da visita estaba dedicada a Castelao e outra ao mundo naval de hai varios séculos, por iso a excursión estaba organizada polos departamentos de galego e ciencias sociais.
Unha vez en Pontevedra camiñamos ata o Museo. Alí dividíronnos en dous grupos, e cada grupo ía facer unha ruta diferente polo museo. Unha vez dentro e xa cos grupos feitos, a primeira sala que vimos foi unha cunhas maquetas de barcos moi antigos. Había barcos da época dos viquingos, que chegaran a Catoira, na ría de Arousa. Na seguinte sala había unha maqueta de maior tamaño dunha embarcación que ben podería ser un galeón. As paredes destas sala estaban decoradas con armas da época, mobles e cousas recuperadas dalgúns barcos. A seguinte sala estaba dedicada exclusivamente a un capitán que conseguira moitas vitorias e tesouros. A sala estaba reconstruída imitando como se fose a oficina do capitán, con moitos obxectos persoais que doara a súa familia ao museo. A última sala antes de chegar á zona de Castelao era coma se fose a sala de reunións dun barco, con toda a decoración como se estivésemos realmente dentro do propio barco.
Xa na área dedicada a Castelao, vimos unha habitación na que había enmarcados moitos debuxos de obras do autor, como os de Cousas, os de Galicia Martir, Milicianos, e tamén moitos outros coma Os cruceiros de pedra na Galicia. Despois, xa fóra do museo leváronnos a todos xuntos a un edificio independente, no que nos ían amosar unha aplicación informática na que se refería a conquista de América, as rutas das especias, etc… Cando acabamos, e ante a imposibilidade de realizar o Roteiro Castelao, deixáronnos un pouco de tempo libre para dar un pequeno paseo por Pontevedra, xa que máis tarde iamos ver un café no que hai tempo había tertulias literarias nas que participou, entre outros, Castelao: o Café Moderno. Ao rematar de velo volvemos ao autobús que nos traería de volta ao instituto.
Marcos Pires e Saúl - 4ºB