British adventure

Este verán foi especial para unhas mozas do instituto. Embarcáronse na aventura de mellorar o seu inglés e para iso nada mellor que ir a onde cómpre: a Inglaterra. Aquí cóntannos a súa experiencia.


Durante tres semanas estivemos nunha cidade do Norte de Inglaterra chamada Sheffield. Ten o dobre de poboación ca Vigo e tamén é máis extensa. Ten moita diversidade de poboación, con persoas de moitos países e razas. Ten unha gran actividade comercial e universitaria. Alí estivemos estudando inglés xunto con outros vinte e cinco compañeiros de Vigo. Tamén fixemos outras moitas cousas ademais de estudar.

Cada día pola mañá colliamos o autobús para reunirnos co noso grupo no interchange (a estación de autobuses), onde colliamos outro autobús que nos levaba ao instituto. Unha vez alí reuniámonos no comedor cos nosos guías ingleses, aos que acompañabamos ás súas diferentes clases. As clases inglesas eran diferentes ás españolas, tiñan máis alumnos, eles non podían repetir curso, facían tests ao longo do curso e un exame final.

As nosas familias mandábannos un xantar que consistía normalmente nun sandwich, unha bebida, unha galleta, unha bolsiña de patacas e unha froita, que comiamos no instituto. Ao rematar as clases despediámonos dos nosos guías e marchabamos coas monitoras facer diferentes actividades.

A primeira semana polas mañás estudamos inglés co noso grupo español e unha profesora inglesa. Polas tardes fomos ao Kelham Island Museum onde nos coñecemos mellor, ensináronnos o centro da cidade mediante un mapa, polo que viamos as zonas máis importantes da cidade; tamén xogamos aos birlos e ao golf, e un día pola noite fomos á “discoteca” (era un antigo local dos boys scouts). O sábado visitamos Leeds. Alí, pola mañá, estivemos nun museo histórico, pero bastante divertido con figuras xigantes a tamaño real e con obradoiros de baile nos que participamos aprendendo a bailar Swing. Foi moi divertido. Logo pola tarde tivemos tempo libre para ir de compras e coñecer mellor a cidade. O domingo algúns quedaron coas nosas familias e outros visitaron por primeira vez un dos centros comerciais máis grandes de Europa, Meadowhall. Tiña moitísimas tendas e unha gran zona para comer, onde se atopaban o MacDonalds, o Pizza Hut, o Kentaky Fricken Chicken, etc.

A segunda semana integrámonos no instituto cos estudantes ingleses. Polas tardes fomos a un local onde estivemos pintando cuncas que logo trouxemos de recordo, outro día tivemos reforzo de inglés pola tarde e logo fomos ao cine, onde escollemos a película que queriamos ver, visitamos unhas minas, estivemos patinando sobre xeo nunha  gran pista de patinaxe profesional… Foi moi, moi divertido, botamos risas coas caídas. O sábado estivemos todo o día nunha gran nave de fabricación de aceiro rehabilitada que era utilizada como museo didáctico dos catro elementos (lume, auga, aire, terra) onde facía moitísimo frío.

O domingo tivemos tempo libre para facer o que quixésemos coas familias ou cos amigos.

A terceira semana no instituto foi como a semana anterior, iamos ás clases cos nosos guías. Polas tardes fomos a un local onde fixemos equipos e entramos nunha sala  moi escura con pintadas nas paredes, fume, e ambientación fúnebre con música de ataque de pelotón. Foi moi divertido na primeira partida, pero logo o equipo perdedor da primeira non quixo seguir xogando. Dous días tivemos reforzo de inglés pola tarde, outro tivemos un xogo no que tiñamos que conseguir as respostas a unhas preguntas de cultura xeral de Inglaterra e da cidade conseguindo probas das respostas atopadas. O último día da semana fomos a un miniparque acuático. Pola noite volvemos ir á discoteca, esta vez cos nosos compañeiros ingleses, onde  cantamos no karaoke e bailamos moito, e por último tivemos que despedirnos deles, deunos moita pena porque compartimos moito tempo xuntos. O sábado visitamos York, unha cidade antiga cunha  gran catedral gótica e moitas tendas. O domingo preparamos as maletas e demos unha última volta pola cidade que nos acolleu por tres semanas.

O pase de diapositivas require JavaScript.

CURIOSIDADES

  • Cando fomos xogar ao golf unha rapaza deulle co stick na cabeza a outro rapaz e tiveron que levalo ao hospital.
  • Outro mozo caeu patinando e escordou unha perna, e tamén foi ao hospital.
  • Nas clases, os alumnos portábanse moi mal: lanzaban libros, gritábanlle aos profesores, as mozas botaban laca e maquillábanse, etc.
  • No recreo, a pesar de que chovia, abundaban as abellas, e as mozas inglesas non paraban de berrar e de correr cando se lles achegaba algunha.
  • Había unha gran nora coma a de Londres, pero de menor tamaño, e na que montamos varias veces. Dende alí podíanse apreciar vistas de toda a cidade.
    • Nos recreos os mozos e mozas españois xogabamos ao fútbol cos rapaces ingleses.
    • Ceabamos moi cedo (ás 6 da tarde máis ou menos), e case sempre no sofá do salón. Se queriamos podiamos cear na mesa da cociña ou no comedor, pero soas.
    • Todas as casas dunha mesma rúa eran iguais unhas ás outras.
    • Nas casas, en lugar de plaqueta ou parqué, había moqueta, coa excepción do baño e dalgunhas casas.
Marta Lorenzo, Alexandra Díaz, Cristina Díaz, Estela Ávila - 4º C.
Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: