Os traballos de 1º A: A violencia de xénero (I)

Os alumnos de 1ºESO-A estamos a facer, guiados polo noso titor, unhas actividades que gardan estreita relación coa sociedade e con determinadas celebracións que teñen lugar ao longo do ano. Comezaremos esta primeira entrega co traballo que trata a violencia de xénero, a raíz da celebración o pasado 25 de novembro do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

“Calquera tipo de violencia fundaméntase nunha relación de poder onde alguén trata de dominar a outra persoa pola forza, contra a súa vontade; trata de obrigala a que faga o que non desexa, a que se pregue e recoñeza a súa inferioridade e dependencia con respecto a quen exerce a violencia.  En todos os casos de violencia as vítimas pasan por un gran sufrimento e todas elas requiren coidado e atención, e todas as persoas agresoras son merecedoras da súa correspondente sanción penal; non obstante, cada tipo de violencia ten as súas peculiaridades. Pretender que toda violencia é igual impide que a violencia de xénero sexa comprendida adecuadamente e poida ser combatida eficazmente.

Enténdese por violencia de xénero calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público coma na vida familiar ou privada. (Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).

Trátase pois dunha violencia que afecta ás mulleres polo simple feito de selo. Constitúe un atentado contra a integridade, a dignidade e a liberdade das mulleres, independentemente do ámbito no que se produza.

Sexan cales sexan as formas en que se manifesta o maltrato, sempre busca un mesmo obxectivo: erosionar a autoestima da muller con fin de que o agresor aumente o seu  grao de poder e control sobre ela.

Violencia física
Inclúe calquera acto de forza contra o corpo da muller, con resultado ou risco de producir lesión física ou dano: labazadas, golpes, queimaduras, beliscos, tiróns de pelo, picadas, empuxóns, lanzamento de obxectos, uso de armas, intentos de estrangulamento, intentos de asasinato, intentos de provocar abortos…

O maltrato físico é o máis evidente e o máis doado de demostrar; aínda así,  non é preciso que se requira atención médica ou que teña efectos visibles no corpo. É moi probable que comece cun simple golpe ou labazada.

Violencia psicolóxica
Inclúe toda conduta, verbal ou non verbal, que produza na muller desvalorización ou sufrimento: insultos (expresión como: estás louca, es unha histérica, ignorante, atrasada, fea); menosprezos (expresións como: non serves para nada, non es capaz de facer nada ben, mala nai, se non fose por min onde irías?..); intimidacións / ameazas (expresións como: voute matar, vaite da casa, vouche quitar os/as nenos/nenas, voute fundir..); abuso de autoridade ( por exemplo: rexistra as túas cousas, revisa o teu correo, preguntas cousas como “con quen estivestes hoxe?”, chegastes 10 minutos tarde…); falla de respecto (non respecta as túas necesidades, sentimentos, opinións, desexos e manipula o que dis, destrúe obxectos de especial valor para ti, ignora a túa presenza, desautorízate diante dos nenos/nenas..); esixir obediencia (non quere que a muller traballe fóra da casa, non quere que estude, quere que se vista como el quere, contrólalle o tempo, pregúntalle “a que hora chegas?”, dille “quita esa roupa e vístete como Deus manda”…); utilización das fillas e fillos (ameaza con quitarlle as/os menores, ameázaos e maltrátaos, obrígalle a que fagan de espías, culpabiliza constantemente á nai); castigar co silencio e incomunicación (o silencio reiterado pode chegar a ferir tanto como as palabras); culpabilizar á muller de todo o que ocorre na casa de modo que ao final ela pensa que é a culpable de todas as situacións de tensión; amosar celos (acusar constantemente de ser infiel e coquetear con outros homes, impedir relacións con amigos/as e familiares, illar a muller de toda a súa contorna…).

O maltrato psíquico é o máis difícil de detectar, dado que as súas manifestacións poden adquirir gran sutileza; non obstante, a súa persistencia no tempo deteriora gravemente a estabilidade emocional, destruíndo a autoestima e a personalidade da muller.

Violencia sexual e abusos sexuais
Inclúen calquera acto de natureza sexual forzada polo agresor ou non consentida pola muller, e que abarcan a imposición, mediante a forza ou con intimidación, de relacións sexuais non consentidas, e o abuso sexual, con independencia de que o agresor garde ou non relación conxugal, de parella, afectiva ou de parentesco coa vítima.

Acoso sexual
Inclúe aquelas condutas consistentes na solicitude de favores de natureza sexual, para si ou para unha terceira persoa, nas que o suxeito activo se vale dunha situación de superioridade laboral, docente ou análoga, co anuncio expreso ou tácito á muller de causarlle un mal relacionado coas expectativas que a vítima teña no ámbito da devandita relación, ou baixo a promesa dunha recompensa ou dun premio no ámbito desta.

O tráfico de mulleres e nenas con fins de explotación
Inclúe a captación, o transporte, o traslado, a acollida ou a recepción de persoas, especialmente de mulleres e nenas, que son as súas principais vítimas, recorrendo á ameaza ou ao uso da forza ou outras formas de coacción, ou rapto, ou fraude, ou engano, ou abuso de poder ou dunha situación de vulnerabilidade ou a concesión ou recepción de pagos ou beneficios para obter o consentimento dunha persoa que teña autoridade sobre outra, con fins de explotación. Esa explotación incluirá, como mínimo, a explotación da prostitución allea ou outras formas de explotación sexual, os traballos ou servizos forzados, a escravitude ou as prácticas similares. Independentemente da relación que una á vítima co agresor e o medio empregado.

Violencia económica
Inclúe a privación intencionada, e non xustificada legalmente, de recursos para o benestar físico ou psicolóxico da muller e das súas fillas e fillos ou a discriminación na disposición dos recursos compartidos no ámbito da convivencia de parella. O maltratador considera que a muller é incompetente e que non administra ben ou  gasta os cartos  en cousas innecesarias, polo que non pode tomar decisións sobre o destino do gasto.


Cando fronte aos repetitivos episodios de violencia, e considerando que a situación non vai cambiar, a muller adopta unha actitude pasiva por medo e para evitar que se produza unha nova agresión, incluso maior, cara a ela ou cara aos seus seres queridos, estamos ante o “síndrome da muller maltratada”.

É habitual que ata que a muller tome a decisión definitiva de saír dunha relación violenta, pase por un período de reflexión e incluso manifeste varias tentativas. Durante este proceso quizais xa solicite axuda terapéutica, ou non.

A partires da súa decisión de romper coa situación de violencia, o apoio psicolóxico centrarase en varios aspectos, partindo sempre dunha valoración previa das necesidades e demandas particulares de cada muller. Determinadas cales son as secuelas concretas produto da situación vivida, avaliarase a súa dimensión e graduaranse para establecer unha orden para o tratamento.

Algunhas das intervencións máis habituais e básicas para a súa recuperación son:

  • Información sobre a violencia de xénero, causas, orixe, mitos, etc.
  • Redución da activación e da ansiedade nas formas en que se manifeste (insomnio, agorafobia, crises de pánico, etc).
  • Fomento da autonomía, tanto a nivel psicolóxico, a través dun cambio de ideas distorsionadas sobre ela mesma e o mundo, como a nivel social, económico, etc, orientándoa na procura de emprego, recuperando apoios sociais e familiares…

Ningunha muller debe permanecer nunha relación na que non se sinta respectada como persoa nin se lle recoñeza como igual. Pode buscar axuda nos Centros de Información ás Mulleres e asociacións especializadas, que a informarán e apoiarán nas actuacións que debe levar a cabo.

Cando se produce unha agresión, ademais de seguir as medidas do plan de seguridade, se a muller sofre unha agresión é necesario que realice algunhas actuacións que serán de gran utilidade nos procedementos xudiciais, penais ou civís, que inicie con posterioridade. A maioría destas actuacións tenden a que quede probada a realidade da agresión e outras teñen como finalidade a súa protección.

Con data 1 de agosto publicouse no BOE a Lei 27/2003 reguladora da Orde de Protección ás Vítimas de Violencia Doméstica. Esta orde supón a creación dun instrumento para a adecuada protección das vítimas, que ten como principal novidade introducir unha resposta fronte á violencia doméstica mediante unha acción integral e coordinada. Permite adoptar medidas de protección á vítima no ámbito penal, civil e asistencial, obrigando a todas as Administracións públicas a coordinarse entre sí co fin de asegurar a eficacia de todas as medidas que poidan adoptarse.”

 

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: