A pasada semana celebramos no instituto o Día da Ciencia en Galego no IES Valadares. Comezamos cunha serie de actividades que aínda continúan estas semanas con motivo da Semana da Ciencia.
Os alumnos de 4º participamos no “Revoltallo de Tecnoloxía”, preparabamos definicións de termos tecnolóxicos propios do galego (tiñan que ser diferentes do castelán e do inglés) e enviabámolos a unha páxina web na que os avaliaban e se eran correctos publicábanos: www.tecnoloxia.org. Coas aportacións de varios institutos galegos foi creándose unha especie de dicionario técnico. Por certo, colgaron a maioría das nosas definicións.
Para seguir traballando e dar a coñecer este “Revoltallo”, os alumnos de terceiro colgaron estas palabras nuns carteis de cartolina nunhas cintas que expuxeron na entrada do Instituto. Quedou moi xeitoso, todas as cintas de cores dende o teito ao chan. ¡Fixeron máis de 150 termos!
Os de 3º e 4º PDC participaron deseñando e construíndo papaventos, e a pesar de que non voaron todos (ese día non houbo vento), voaron 3 ou 4 e eles quedaron moi orgullosos dos seus proxectos.
Tamén vimos nas clases de galego uns videos de científic@s e investigador@s galegos falando do seu traballo e de como se pode ensinar e publicar ciencia en galego. Invítovos a que visitedes a páxina www.engalegotamensefaiciencia.eu , moi interesante.
A verdade é que foi unha semaniña completiña e bastante divertida.
Fáltanos sacar á luz a exposición de fotografías Os mecanismos na miña vida, na que os alumnos de 3º teñen que presentar fotos de mecanismos que estudaron antes na clase de Tecnoloxía e poñerlles un título a cada unha. Estamos ansiosos de miralas e a ver quen gaña os premios. Estarán expostas durante as próximas semanas e o xurado fará entrega dos agasallos (MP3, cascos de música, pen drives…) aos gañadores. Xa publicaremos as fotos para que as vexades, seguro que son moi interesantes ¡e divertidas!
Julio César – 4ºC